O seretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou este martes o alumnado do colexio Canosa-Rus, en Coristanco, que participou no obradoiro de xogos de mesa en galego, unha iniciativa apoiada pola Xunta “na súa aposta, xunto con outras actividades, polos centros educativos como espazos de socialización, máis alá das aulas e das horas lectivas, onde prestixiar o uso da lingua galega”, tal e como apuntou.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, lembrou que este tipo de propostas “inciden en impulsar o galego como lingua vehicular nas actividades extraescolares e de conciliación” e que se enmarcan no novo Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado a pasada semana no Parlamento de Galicia co apoio da maioría dos grupos con representación na Cámara.
Tal e como explicou Valentín García, esta é unha acción que se desenvolverá en varios centros de ensino de toda a Comunidade coa intención de que os escolares gocen do seu tempo lecer con xogos de mesa elaborados en lingua galega polo proxecto Brazolinda que, cunha función lúdico educativa, están destinados a desenvolver a capacidade de observación, aprendizaxe, comunicación e razoamento entre as xeracións máis novas.
Neste senso, cómpre lembrar que o eido da Educación conforma un dos grandes bloques do novo Plan da lingua, que recolle en total máis de 700 medidas centradas en prestixiar o galego en moi diferentes ámbitos da sociedade. Nomeadamente, no que ten que ver co ensino son ao redor de 100 accións que abranguen os centros no seu conxunto, con numerosas iniciativas que poñen o foco en actividades como o teatro, as radios escolares, o deporte, e outras propostas de lecer educativo.
