Este sábado celebrouse a reunión da Mesa sectorial de sanidade, a través de videoconferencia, presidida pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e coa asistencia dos representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE, UGT.
A evolución da situación sanitaria derivada da pandemia orixinada polo novo coronavirus covid-19, cun incremento da presión asistencial nos centros sanitarios, unha diminución dos efectivos dispoñibles nas listas de selección temporal e importantes restricións na mobilidade, require a adopción dunha serie de medidas na execución do concurso de traslados de persoal estatutario correspondente ao ano 2020, que, sen menoscabar o dereito á mobilidade voluntaria dos profesionais e facilitando a conciliación da súa vida laboral e familiar, permita dar resposta ás necesidades asistenciais e non interfira na actividade e funcionamento dos centros sanitarios e as súas distintas unidades.
A Administración sanitaria e as organizacións sindicais con representación en Mesa Sectorial acordaron por unanimidade levar a efecto a resolución do concurso de traslados, o que permitirá que 1.036 profesionais acaden novos destinos definitivos, se ben as xerencias dos centros sanitarios poderán diferir o cese daqueles profesionais que, por necesidades do servizo e organizativas, dada a evolución epidemiolóxica da pandemia deban permanecer nos seus destinos ata que a evolución da situación sanitaria o permita. Así mesmo, as xerencias de área poderán requirir o regreso ao posto de orixe se a situación sanitaria o esixe. Comprometendo a Administración á publicación da resolución neste mesmo mes de novembro.
Co respaldo de CIG, CCOO, CSIF e UGT chegouse ao acordo de implantar en todas as áreas sanitarias novos postos de coordinación de técnicos superiores con funcións de coordinación e xestión do persoal de cada especialidade.
Estes postos implantarase inicialmente en catro especialidades anatomía patolóxica e citoloxía, imaxe para o diagnóstico, laboratorio de diagnóstico clínico e radioterapia, atendendo ao número de traballadores destas especialidades que prestan servizos nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde; pero non exclúe que ditos postos se estendan a outras titulacións de persoal técnico superior, na medida en que a súa implantación futura así o xustifique.
O obxectivo para o ano 2021 e dispoñer de 30 novos postos de traballo, que se repartirán entre as sete áreas sanitarias.