O Sergas acorda cos sindicatos a convocatoria dunha oposición de 1.057 prazas

Interior dun hospital do Sergas_Cedida.

Na Mesa Sectorial de Sanidade, celebrada este venres, presidida pola directora xeral de Recuros Humanos do Sergas, Margarita Prado, aprobáronse as bases de convocatoria de procesos selectivos en diversas categorías de persoal estatutario, e acordouse a convocatoria inmediata dunha oposición cun total de 1.057 prazas, que se distribúen en diversas categorías.

Así mesmo, na reunión entre sindicatos e Administración sanitaria, presentáronse dous proxectos de decreto que posibilitarán contar no Servizo Galego de Saúde coa categoría de médico de hospitalización a domicilio e coa especialidade de dietética dentro da categoría estatutaria de técnico especialista do Sergas.

Ademais, os representantes do Sergas trasladáronlle ás organizacións sindicais información dos orzamentos para o ano que ven do departamento sanitario galego destinados a recursos humanos. Destes orzamentos, o 44% son para persoal, e respecto do presente ano, tense producido un incremento global do orzamento do 3,5%. No ámbito de atención primaria, o incremento é dun 4,8%.