O Sergas acorda cos sindicatos a continuidade de 738 contratos vinculados á pandemia


A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Ana Comesaña Álvarez, presidiu senllas reunións de seguimento dos acordos sindicais relativos ao Plan de continxencia en materia de recursos humanos derivados da covid-19 e ao nomeamento de persoal estatutario eventual de continuidade, nas que se acordou a continuidade de 738 contratos, co ánimo de garantir unha axeitada resposta asistencial na loita contra a covid-19.
Nestas xuntanzas, analizouse a posibilidade de ampliar a duración dos contratos de reforzo dos dispositivos asistenciais relacionados coa covid-19, atendendo as circunstancias actuais. Así, moitos destes contratos tiñan previsto o seu remate antes de finalizar o ano, estaban vinculados á situación de emerxencia sanitaria. Sanidade renovará, nas sete áreas sanitarias, todos os contratos de emerxencia sanitaria vencellados á xestión da pandemia.
No caso do acordo vencellado ao Plan de continxencia, o acordo acadouse entre o Sergas e as organización sindicais (CCOO, CSIF e SATSE) e, no que atinxe aos nomeamentos de continuidade, cos sindicatos (CESM-OMEGA, UGT, CSIF e SATSE). O Sergas e as organizacións asinantes dos respectivos pactos sindicais acordaron por unanimidade prorrogar por 3 meses máis 623 contratos fóra de cadro de persoal por emerxencia sanitaria que ían finalizar entre o 30 de novembro e o 31 de decembro deste ano. En concreto, estes contratos abranguerán no eido do persoal sanitario a 488 profesionais: 284 da categoría de enfermaría, 5 de enfermaría especialista en enfermaría familiar e comunitaria, 55 de persoal técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, 9 de persoal técnico superior en imaxe para o diagnóstico e 135 de persoal técnico en coidados auxiliares de enfermaría.