A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas aprobou na Mesa Sectorial o Baremo ordinario de Carreira Profesional (Área III e Área IV), que será aplicable nas vindeiras convocatorias para o acceso aos sucesivos graos dos diversos colectivos profesionais.
Este baremo é o resultado dun minucioso traballo e o reflexo dun gran esforzo colectivo de consenso. A longa negociación que se iniciou no ano 2018 no ámbito da Comisión de seguimento de carreira, e que quedou suspendida por mor da pandemia, rematou con este acordo que incorpora a maior parte das alegacións presentadas polas organizacións sindicais asinantes do Acordo de carreira, así como as achegas dos diferentes departamentos da consellería e das entidades adscritas.
O baremo concreta as actividades que serán valoradas en cada caso, os indicadores que resultan precisos para a avaliación e as puntuacións que serán asignadas. Estamos ante un instrumento de avaliación progresivo e flexible, que permitirá aos profesionais progresar de forma individualizada e que se adaptará aos obxectivos da organización e tamén aos cambios que sexa necesario implementar como consecuencia das circunstancias que sobreveñan.
No contexto marcado pola situación de emerxencia sanitaria derivada da covid, foi preciso adaptar o baremo recollendo novos parámetros que valoren o esforzo realizado polos profesionais nestas difíciles circunstancias.
O baremo é unha ferramenta de mellora para os profesionais e permite orientar o seu traballo mellorando as súas capacidades e competencias.