O Sergas aproba un Plan de igualdade entre mulleres e homes

PIXABAY

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e os representantes das organizacións sindicais da mesa sectorial de Sanidade asinaron o I Plan de Igualdade entre mulleres e homes do Servizo Galego de Saúde.

Os seis apartados que configuran o plan en materia de igualdade son: o acceso ao emprego público e provisión de prazas; as condicións de traballo e promoción profesional; a formación, información e sensibilización; e o tempo de traballo, corresponsabilidade e medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Así mesmo, completan a estrutura do plan: a atención a situacións de especial protección por violencia de xénero, acoso sexual e discriminación por razón de sexo, orientación ou identidade sexual; e as medidas transversais para integrar o principio de igualdade na organización.

O conxunto de medidas que conforman o plan integran a perspectiva de xénero promovendo a igualdade, impulsan a cultura da igualdade de oportunidades e incrementan a protección e a atención das situacións de especial vulnerabilidade.

Entre as mesmas, destacan as destinadas a facilitar o cambio de quenda por motivos relacionados coa conciliación; as referidas a actuacións específicas en caso de infrarrepresentación; a atención a traballadoras en situación de violencia de xénero ou a tolerancia cero ante casos de acoso laboral ou sexual.

Ademais, tamén se garante o dereito das persoas transexuais, tranxénero e intersexuais a ser identificadas na organización co nome e xénero co que se sinten identificadas; e recóllese a creación da figura dun responsable, por área sanitaria, en materia de igualdade e violencia de xénero.

Os obxectivos do I Plan de Igualdade para o persoal do Servizo Galego de Saúde son, por unha banda, promover a igualdade de xénero para acadar a igualdade real no trato e de oportunidades entre mulleres e homes e diminuír desigualdades e desequilibrios que, aínda sendo de orixe cultural e social, puidesen darse no Sergas. Tamén son obxectivos o de formar, informar e sensibilizar sobre igualdade de trato e oportunidades, e sobre as necesidades específicas das mulleres e os homes, así como o de vixiar de forma especial a discriminación indirecta, entendendo por esta, a situación na que unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutros, pon a unha persoa dun sexo en desvantaxe fronte a persoas do outro sexo.