O Sergas avanza no sistema que permitirá xestionar altas e baixas por covid nun mesmo acto


O Sergas vén de comunicar aos facultativos do Servizo Galego de Saúde as novidades que está a desenvolver para poder xestionar nun mesmo acto os partes de alta e baixa das incapacidades temporais provocadas polos contaxios da covid-19.
Tras a reunión do último Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, o Sergas vai incorporar a posibilidade de que no momento de dar a baixa nos procesos covid-19 aos pacientes que o precisen, o persoal médico poida proporcionar a alta corresponde de forma conxunta. Neste senso, a administración galega modificará o seu sistema para que no momento de imprimir e enviar o parte de baixa por covid-19, o sistema almacene a alta do mesmo para, sete días despois, enviala á Seguridade Social.

O departamento sanitario da Xunta xa iniciou as actuacións necesarias para que este procedemento estea dispoñible o máis axiña posible, co obxectivo alixeirar a carga de traballo do persoal facultativo do Servizo Galego de Saúde. Ademais, tamén habilitou a posibilidade de acceder desde as listas de traballo do sistema IANUS á listaxe de pacientes que contan con procesos de Incapacidade temporal abertos pola covid-19, cando estes conten cunha duración de 7 ou máis días. Cómpre destacar que, ficará sempre a expensas do criterio médico a posibilidade de emitir de forma conxunta, ou separada, os partes de alta e de baixa.