Este xoves 24 de marzo é o Día Mundial da Tuberculose, Sanidade únese ao lema deste ano, “Investir para poñer fin á tuberculose. Salva vidas”, reiterando o seu compromiso de continuar cos esforzos e actuar en consonancia coa estratexia “Fin á tuberculose”, da Organización Mundial da Saúde, que ten por obxectivo reducir a incidencia da tuberculose un 80 % no ano 2030 con respecto ao 2015 para posteriormente eliminar esta enfermidade no 2050.
Precisamente, un dos obxectivos do Programa de tuberculose de Galicia era o de reducir a incidencia desta enfermidade nun 25 % para o ano 2020 en comparación cos niveis do 2015, obxectivo que se cumpriu amplamente. Así mesmo, alcanzáronse uns resultados moi satisfactorios dos tratamentos das tuberculoses pulmonares confirmadas (97,4 %) e da tuberculose multirresistente (89,0 %), moi superiores aos obxectivos marcados pola Organización Mundial da Saúde (do 85 % e 75 % respectivamente).
Dende a posta en marcha do Programa galego obsérvase unha tendencia descendente e progresiva da tuberculose na comunidade, pasando dunha incidencia de 71,8 casos novos por 100.000 habitantes no ano 1996 a 14,5 no 2020, sendo a diminución por término medio anual do 6,4% (diagnosticáronse 1.963 casos novos no 1996 e 393 no 2020, o que supón un descenso do 80,0 %). Os datos provisionais do ano 2021 reflicten que se mantén esta tendencia decrecente, cunha incidencia de 13,1 casos novos por 100.000 habitantes.
A incidencia da tuberculose bacilífera, a máis contaxiosa, descendeu, no mesmo período, de 27,9 a 3,9 casos por 100.000 habitantes, cun descenso relativo anual do 7,9%.Trátase dunha diminución moi notable posto, que implica a eliminación das fontes de infección na comunidade. No referente á incidencia en nenos menores de 5 anos, diminuíu de 58,9 a 3,3 casos por 100.000 habitantes cun descenso dun 11,3 % anual.
33