O Sergas convoca concurso oposición para cubrir 94 prazas de persoal


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicau a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se convoca concurso-oposición para a cobertura de 94 prazas pertencentes a diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria.
Nomeadamente, serán 18 prazas de persoal farmacéutico inspector de saúde pública, 5 de inspector farmacéutico, 19 de inspector médico, 3 para licenciados en ciencias biolóxicas, 5 para licenciados en ciencias químicas, 6 de licenciado en farmacia, 19 para licenciados en medicina e cirurxía, 2 de licenciado en psicoloxía, 11 ATS/DUE e 6 de subinspector sanitario.
Do total de prazas convocadas resérvase unha porcentaxe do 25% para a súa cobertura polo sistema de promoción interna, de conformidade coa previsión contida na Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia. As prazas reservadas para promoción interna que non se cubran por esta quenda, acumularanse ás de provisión libre.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición neste proceso a partir de mañá, 10 de decembro; e ata o próximo 10 de xaneiro, incluído. O formulario de inscrición estará dispoñible no sistema de información Fides/expedient-e.
Coa convocatoria deste novo proceso dáse completa execución aos decretos de oferta de emprego público de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989), correspondentes aos anos 2018, 2019, 2020 e 2021.
Este novo proceso súmase aos xa convocados, actualmente en tramitación por este organismo, para cubrir 2.000 prazas de 73 categorías de persoal estatutario.
O Servizo Galego de Saúde habilitou o seguinte enderezo de correo electrónico para que as persoas aspirantes poidan dirixir as consultas e dúbidas relacionadas con este proceso: oposicions@sergas.es