O Servizo Galego de Saúde publicou no Diario Oficial de Galicia as convocatorias de concurso-oposición para o ingreso nas categorías de telefonista, pinche e técnico en farmacia, nestas dúas últimas na quenda de discapacidade intelectual.
O número total de prazas que se convocan ascende a 82, das que 33 corresponden á categoría de telefonista, 39 á de pinche e 10 á de técnico en farmacia. O prazo de inscrición finaliza o vindeiro o próximo 15 de febreiro de 2021.
Estas probas son o cuarto e quinto proceso selectivo que se convocan para o acceso a prazas reservadas a esta quenda, engadíndose ao xa resolto da categoría de celador, polo que se incorporaron, en setembro do ano pasado, ás institucións do Sistema Público de Saúde de Galicia, un total de 30 profesionais, unha cifra que en breve se verá incrementada con 11 novos profesionais da categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría. Así mesmo, está previsto desenvolver, durante este ano, as probas selectivas para a cobertura de nove prazas de persoal de servizos xerais por esta mesma vía de acceso, xa convocadas.
No avance cara á integración laboral das persoas con discapacidade intelectual, proximamente publicaranse as listas provisionais de admitidos e a baremación provisional dos aspirantes no primeiro proceso de xeración de listas de selección temporal, reservadas a esta quenda.