O Sergas convocará máis de 5.650 prazas de emprego público antes de que remate este ano


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno galego vai convocar “máis de 5.650 prazas en distintas categorías profesionais do Sergas antes de que finalice o ano”, das que 2.160 serán para a estabilización do persoal de enfermería. Rueda resaltou que esta convocatoria enmárcase “no proceso de consolidación e mellora dos servizos públicos” que está a levar a cabo a Xunta con medidas para fomentar a estabilidade dos empregados públicos ou para o desenvolvemento da carreira profesional

O Consello aprobou na súa reunión semanal o decreto coa oferta pública de emprego de persoal estatutario do Sergas para o ano 2022, que inclúe 1.294 prazas. Esta oferta, unida ás 106 prazas de médico de Atención Primaria xa convocadas polo sistema de méritos, a oferta extraordinaria lanzada en maio para reducir a temporalidade e as prazas pendentes das ofertas de 2020 e 2021, é o que permitirá á Xunta convocar máis de 5.650 vacantes antes de finalizar o ano.

Por categorías, un total de 2.015 prazas serán para persoal de enfermería; 1.052 para persoal técnico en coidados auxiliares; 429 para auxiliares da función administrativa; 238 para enfermeiros especialistas, fisioterapeutas ou terapeutas ocupacionais; 199 para persoal de servizos xerais; 48 para farmacéuticos e odontólogos de Atención Primaria e 23 para o grupo de xestión de función administrativa. A estas habería que sumar 28 prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual. O resto de vacantes aínda están pendentes de convocatoria.