A anafilaxia consiste nunha reacción alérxica extremadamente grave que afecta a todo o organismo e instáurase aos poucos minutos de estar exposto ao alérgeno. Podería definirse tamén como unha reacción «explosiva» do sistema inmune cara a un axente externo.
A Consellería de Sanidade ten en marcha, dende maio do pasado ano, o Código Anafilaxia, que é un procedemento de actuación sanitaria baseado no recoñecemento precoz dos signos e síntomas dunha reacción anafiláctica, coa conseguinte priorización de coidados e traslado inmediato a un hospital co fin de mellorar a supervivencia e reducir as complicacións. Ao respecto deste asunto o Sergas vai crear un Equipo Código Anafilaxia cun coordinador como líder do proxecto en cada área sanitaria. Será un equipo multidisciplinar encargado de difundir o Código, realizar o seguimento da implantación do mesmo e detectar áreas de melloras e propoñer medidas correctoras.
Xunto ao anterior, o departamento sanitario galego vai proceder ao deseño de contidos para docencia e difusión do Código entre pacientes e profesionais sanitarios.
Os obxectivos do Código Anafilaxia son identificar precozmente ao paciente cun cadro de anafilaxia e minimizar o tempo transcorrido dende o inicio dos síntomas ata a instauración do tratamento eficaz. Tamén son obxectivos deste programa asistencial, o rexistro de todos os pacientes que teñan presentado unha reacción anafiláctica e sensibilizar aos profesionais e pacientes da importancia da prevención, detección e tratamento precoz da anafilaxia. Así o sinalou este xoves o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias.