O Sergas é condenado por demorar un ano unha operación que debía tardar 90 días e que o doente rexeitou desviar á concertada. Xa o advertiu a Valedora do Pobo hai tres anos e agora queda constatado nunha sentenza xudicial. As persoas en lista de espera por unha operación cirúrxica que rexeitan ser desviados á sanidade concertada poden atoparse nun limbo que demore o seu tratamento.
O TSXG constata unha “demora manifesta” nun caso no que houbo un intento de desvío do doente que vén desmontando a credibilidade das listas de espera oficiais. É unha situación que o Sergas se comprometeu a corrixir tras producirse casos como o agora condenado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no que un doente que rexeitou ser desviado á concertada tardou un ano en ser operado cando a intervención non debía demorarse máis de 90 días. Agora a Xunta terá que indemnizalo con 30.000 euros.
A sentenza agora feita pública polo TSXG relata o caso dun home cunha hernia de disco ao que en xuño de 2018 lle foi prescrita no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo unha operación da mesma. O home estaba xa pendente doutra operación por outra doenza que se lle realizou en novembro daquel ano, polo que postergou a segunda a superar a primeira. Así que un mes despois da primeira operación, o 19 de decembro de 2018 foi incluído na lista de espera para unha cirurxía cualificada como de prioridade II, nas que “o tempo de espera recomendable non debe superar os 90 días”.
A sentenza engade outro dato máis, o de que o doente, tras unha consulta por empeoramento da súa situación cando xa levaba seis meses en lista de espera, “rexeitou outra proposta, realizada o 12 de xuño de 2019, de acudir, a tal fin, a un centro concertado”.