O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o director xeral do Hospital Clínic de Barcelona, Josep María Campistol; e a xerente de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, Rocío Mosquera, asinaron un convenio de colaboración para impulsar o primeiro ensaio clínico con medicamentos CAR-T de Galicia. Na sinatura tamén estivo presente o xerente do Sergas, José Flores Arias.
Grazas a este acordo, o departamento sanitario galego e o Hospital Clínic traballarán xuntos nun ensaio clínico pioneiro, que se desenvolverá nunha primeira etapa no Hospital Clínico Universitario de Santiago, e que ten como obxectivo estenderse a outros centros asistenciais da comunidade.
Esta terapia, na que o colaborador do Sergas neste convenio é especialista e pioneiro en Europa, sérvese de medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unha taxa de resposta do 80%, e pode conseguir que o sistema inmune do paciente recupere, mediante técnicas de modificación xenética, a capacidade de recoñecer e destruír de forma selectiva as células tumorais. Neste senso, a propia American Society of Clinical Oncology recoñeceu o alto potencial das terapias CAR-T como “avance do ano”.
Ao respecto, o director xeral do Hospital Clínic de Barcelona, Josep María Campistol, gabou a aposta galega por avanzar nestes tratamentos innovadores e o desenvolvemento do futuro Centro de Produción de Medicamentos CAR-T de Galicia; relatando a súa experiencia en ensaios clínicos pioneiros na materia e amosando o seu compromiso a traballar xuntos a partir deste convenio.
