O Sergas iniciará a próxima semana a vacinación de menores de 60 anos con Pfizer e Janssen


O Sergas empezará a vacinar a vindeira semana as persoas menores de 60 anos porque, segundo as súas previsións, toda a poboación maior desa idade xa terá posta, polo menos, unha primeira dose contra a covid-19. Segundo explicou o presidente da Xunta na conferencia de prensa posterior á xuntanza extraordinaria do comité clínico, neste treito de idade administraranse soros de Pfizer e de Janssen. Respecto á inoculación con AstraZeneca para as persoas que xa recibiron a primeira dose, insistiu en que o “lóxico” é dispensarlles a segunda unidade desta marca. Porén, confirmou que van agardar pola información que lles facilite o Ministerio de Sanidade “nos próximos días” tras o ensaio clínico posto en marcha.