O Sergas mantén activos plans de continxencia fronte á gripe


Á espera do pico da gripe, e cos informes semanais de vixilancia da actividade gripal amosando aínda unha intensidade basal, pero en tendencia crecente, a Consellería de Sanidade garante a atención nos servizos de Urxencias e asegura o funcionamento dos plans de continxencia elaborados coa antelación debida por cada área sanitaria. Estes documentos, nos que se contemplan as actuacións previstas en cada circunstancia para axilizar a resposta segundo vaian crecendo as necesidades asistenciais, foron presentados o pasado mes de outubro.

Os protocolos elabóranse cada ano coa participación dos profesionais responsables da súa aplicación, atendendo a uns criterios xerais para o conxunto do Sergas e incorporando as particularidades precisas en cada demarcación sanitaria. Estes plans priorizan o control e seguimento dos pacientes diana, aqueles de maior complexidade e risco, como son as persoas con pluripatoloxía e os doentes fráxiles, tanto en Atención Primaria como nos servizos hospitalarios de Neumoloxía e Medicina Interna. En calquera caso, garante a Consellería, os usuarios dos servizos de Urxencias son sempre atendidos de acordo coa súa gravidade clínica.

Do mesmo xeito, cómpre lembrar que, máis aló dos propios servizos de Urxencias hospitalarios, os plans de continxencia fronte a gripe coordinan unha ampla rede de profesionais, na que toman parte moitos dos restantes servizos hospitalarios, o 061 e os centros de saúde e Puntos de Atención Continuada da Atención Primaria.