O Sergas mellora os resultados de espera cirúrxica nos pacientes con prioridade 1

O Servizo Galego de Saúde reduce os tempos medios de espera para intervencións cirúrxicas de pacientes con prioridade 1, aqueles con patoloxías tempo-dependentes, ata os 16,4 días, baixando máis de dous días (2,2 días) con respecto a 2022.

Segundo os datos do primeiro semestre de 2023, en practicamente todas as áreas sanitarias diminúen, en comparación cos datos de 2022, a espera media neste tipo de cirurxías nas que a axilidade na súa intervención ten un maior impacto para un mellor prognóstico e unha evolución máis favorable da enfermidade.

Así, a área sanitaria da Coruña e Cee mantivo unha espera media de 14 días (2,4 menos que en 2022); Santiago de Compostela e Barbanza, 14,3 días (3,4 menos); Ferrol, 23,5 días (4 menos); Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 19,6 (2 menos); Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 12,1 (2,9 menos), Pontevedra e O Salnés, 14,5 (1,1 máis), Vigo, 18,5 (2,6 menos) e o Hospital Povisa, 12,7 días (incremento de 3 días).

Estes datos son moi similares (tan só 0,4 días de diferenza) aos acadados no ano 2019 -ano do mellor resultado histórico nas listas de espera en Galicia-.

Por outra parte, tamén cómpre sinalar que se reduciu de forma moi importante a espera dos pacientes en prioridade 2, pacientes cuxa situación clínica ou social admite unha demora relativa, sendo recomendable a intervención nun prazo inferior a 90 días. Diminuíu en 8,6 días para acadar unha espera de 65,4 días, conseguindo unha redución dun 11 %.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha