O Sergas merca 2,7 millóns de test para empregar nas residencias


  • A líder do BNG, Ana Pontón, insta a Feijóo a “blindar” os centros xeriátricos que sofren o impacto máis forte da pandemia, cunha “intervención pública”.

Con estes test seguiranse realizando cribados nas residencias de maiores, segundo asegurou Feijóo en resposta a unha pregunta do BNG na sesión de control ao Goberno no pleno do Parlamento, en que defendeu a reforma da lei de saúde de Galicia, exposta polo PP, fronte ás críticas da portavoz nacionalista, Ana Pontón, que pediu a súa retirada. Pontón censurou que esta proposta lexislativa non incorpora “medidas” máis alá de “sancións” e acusou a Feijóo de tratar aos galegos como “sospeitosos” no canto de recoñecer o seu “esforzo” na pandemia, o presidente galego defendeu o proxecto e reivindicou as decisións tomadas polo seu Goberno fronte á covid-19. Feijóo anunciou que aos 300.000 test de antíxenos comprados e que se usaron en Primaria e Urxencias, sumaranse outros 2,7 millóns deste tipo de test que se empezarán a utilizar –segundo concretaron posteriormente fontes do Executivo autonómico– nas residencias de maiores.