O Sergas oferta 400 prazas nas oposicións que se celebran esta fin de semana

Imaxe dunhas oposicións convocadas polo Sergas_Fonte: xunta.gal

Esta fin de semana van continuar no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), as probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, iniciadas o pasado 18 de setembro. Esta fin de semana realizaranse os exames para cubrir 400 prazas.
O sábado día 25 están convocados os aspirantes a cubrir 286 prazas de facultativo especialista de área das especialidades de anestesioloxía e reanimación, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, farmacia hospitalaria, medicina preventiva e saúde pública, nefroloxía, neuroloxía e psiquiatría. A entrada das persoas aspirantes dará inicio ás 9:30 horas.
O domingo día 19, a partir desta mesma hora, están convocados 870 aspirantes das categorías de facultativo especialista de área de cirurxía torácica, microbioloxía e parasitoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, radiofísica hospitalaria, médico asistencial do 061 e técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía, para cubrir 114 prazas. Delas, 63 corresponden a facultativo de área (329 aspirantes), 10 a médico asistencial do 061 (109 aspirantes) e 41 de técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía (432 admitidos).
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.