Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao centro de saúde de Cesullas, en Cabana de Bergantiños, acto no que estivo acompañado polo alcalde do concello, José Muiño; polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e polo xerente da área sanitaria, Luis Verde.
Desas 13 prazas, o conselleiro sinalou que oito serán para o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, dúas de urxencias, dúas de anestesia, dúas de xinecoloxía e dúas de oftalmoloxía. As restantes prazas serán dúas de medicina de familia, unha en Laxe e outra en Vimianzo; e tres de pediatría de atención primaria, das que unha é para Carballo, outra para Fisterra e, finalmente, a que comparten Muxía e Dumbría.
Polo tanto, -incidiu o conselleiro-, “estamos a blindar a estabilidade da asistencia médica do hospital comarcal e dos centros de saúde da Costa da Morte nos vindeiros dous anos e neles teremos ese núcleo do cadro de persoal fixo que non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados”.