Habilitados puntos móbiles de test de antíxenos nas sete grandes cidades galegas

1 minutes read

O Sergas habilita este sábado dispositivos móbiles en diferentes puntos das sete grandes cidades galegas nos que se ofrecerá a realización de tests de antíxenos a aquela poboación que non dispoña da pauta completa de vacinación, así como a expedición do correspondente certificado co resultado desta proba. Estes dispositivos contarán con persoal de enfermería e funcionarán en horario de mañá de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 en horario de tarde.

Trátase dunha experiencia piloto coa intención de aumentar a capacidade diagnóstica e deste xeito axudar á cidadanía a familiarizarse con este sistema co que se verá obrigada a convivir mentres a situación epidemiolóxica non mellore e o proceso de vacinación non acade a unha porcentaxe aínda maior da poboación.

Localización

Na cidade da Coruña, este punto de realización de test de antíxenos instalarase na explanada do Pavillón de Deportes de Riazor; en Lugo, na Praza Maior; en Ourense, no Xardín do Posío; en Pontevedra, na Praza de España; en Santiago, na Praza Roxa; en Vigo, na explanada do Náutico; e, en Ferrol, na Praza da Constitución.