O Sergas participa no proxecto Life Resystal


O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, presentou no Hospital Universitario de Ourense, o proxecto europeo Life Resystal –Climate change REsilience framework for health SYStems and hospiTALs-, que sentará as bases dunha estratexia europea para a adaptación climática do sector sanitario europeo.

O Sergas, a través de tres experiencias piloto que desenvolverá nos tres hospitais de Ourense, é o único servizo de saúde de España –o único da Unión Europea xunto co francés- que participa, o que afianza o posicionamento da nosa Comunidade como referente internacional en políticas comprometidas co medio ambiente. Durante os catro anos de duración do Life Resystal, os participantes teñen por obxectivo desenvolver, demostrar, avaliar e difundir un marco para promover a resiliencia ao clima e aos retos que o cambio climático supón a todos os niveis.

No Hospital Universitario de Ourense e nos públicos de Verín e O Barco de Valdeorras, faranse intervencións de cara a mellorar a resiliencia das súas instalacións como, por exemplo, mediante corredores e paredes verdes, a repoboación e a plantación de árbores ou sistemas de aproveitamento de pluviais. O proxecto dará como resultado unha serie ferramentas que mellorarán a adaptación das infraestruturas. Tal e como apuntou José Flores, o obxectivo é que, en 2025, se poida trasladar en forma de estratexia a experiencia de Ourense a todas as infraestruturas sanitarias galegas.

O xerente do Sergas subliñou que Life Resystal non é un proxecto europeo máis, xa que vai supoñer un antes e un despois “para o Hospital Universitario de Ourense, para o sistema sanitario público galego e para as políticas medio ambientais europeas a desenvolver nos vindeiros anos”, dixo. Marcará –engadiu- a futura folla de ruta para os demais sistemas de saúde europeos.