O Sergas presenta aos sindicatos un plan de continxencia covid-19 en materia de persoal


Este venres celebrouse a reunión da Mesa sectorial de Sanidade, a través de videoconferencia, coa asistencia do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, os directores xerais de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, de Saúde Pública, Carmen Durán, e de Recursos Humanos, Ana Comesaña e coa asistencia dos representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE, UGT.

Na reunión presentouse un Plan de continxencia covid-19 en materia de recursos humanos, un documento que incorpora unha vintena de medidas extraordinarias en materia de persoal que se consideran precisas para facer fronte á situación de emerxencia sanitaria.

Entre outras materias, o Plan contempla que se poidan realizar, a partir do 1 de decembro, 750 nomeamentos de emerxencia sanitaria na categoría de persoal de enfermería cunha duración mínima de catro meses, chegando 150 destes contratos a unha duración dun ano.

Así mesmo prevese realizar nomeamentos de emerxencia sanitaria noutras categorías, tanto de atención primaria como hospitalaria, cunha duración mínima de catro meses a determinar en función das necesidades asistenciais.

O mesmo plan inclúe unhas bases de regulación do teletraballo e flexibilización de xornada adaptadas as institucións sanitarias, medidas estas que se teñen revelado como un instrumento organizativo eficaz para manter a actividade e a prestación do servizo público na situación de pandemia.

En canto a listas de contratación, o Plan contempla diversas medidas como valorar como mérito a dispoñibilidade continuada das persoas aspirantes de emprego temporal, cunha puntuación adicional específica nos baremos por esta dispoñibilidade, premiando así a aqueles profesionais que se incorporan á prestación de servizos cada vez que son chamados polo Servizo Galego de Saúde, recoñecendo de esta forma a súa colaboración.