O Sergas realizará un cribado masivo na Laracha a próxima semana

1 minutes read
  • O Concello reforza as desinfeccións nos centros de ensino

O Sergas realizará un cribado masivo na localidade da Laracha durante a próxima semana, aínda que non hai unha data exacta. Así o comunicou o alcalde, José Manuel López Varela, na sesión plenaria celebrada este venres.

Nas últimas xornadas o número de casos activos no municipio estabilizouse ata presentar 128 positivos nas últimas horas, e tamén se reduciu lixeiramente a cifra de casos diagnosticados nos últimos catorce días (127 na xornada de onte). O problema é que a incidencia acumulada continua superando a taxa de mil infectados por cada cen mil habitantes.

Desinfeccións en centros educativos
Tras ser diagnosticados casos positivos de coronavirus en alumnos dos CEIPs Otero Pedrayo e Alfredo Brañas, o Concello reforzará o servizo de limpeza en ambos centros realizando ao longo desta fin de semana as desinfeccións correspondentes.

A escola infantil A Galiña Azul na Laracha e o consultorio médico de Caión tamén foron desinfectados.