O Sergas informou ao Concello de Vimianzo de que realizará un cribado aleatorio no municipio co obxectivo de conter a expansión da covid-19. Citaranse arredor de 6.000 veciños e veciñas. As probas comezarán este martes, 19 de xaneiro, na Casa da Cultura de Vimianzo. O Sergas será o encargado de citar ás persoas que participarán no cribado. Estas recibirán unha mensaxe SMS informando da hora e data da proba.
Do mesmo xeito, os profesionais sanitarios do Sergas realizarán un cribado xeral á poboación de entre 18 e 60 anos do Concello de Camariñas. Citaranse arredor dunhas 1.500 persoas.
As probas comezarán a partir deste martes, 19 de xaneiro. As cotas médicas de Ponte do Porto e de Camelle terán que desprazarse á Casa da Cultura de Vimianzo para realizar o cribado. No caso da cota de Camariñas, as probas terán lugar no Centro de Saúde de Camariñas.
O Sergas citará a todas aquelas persoas incluídas no cribado mediante unha mensaxe SMS. Se algún veciño ou veciña non recibe citación por non figurar o seu número de teléfono no rexistro, realizará a proba ao final.
Desde o Concello de Camariñas agradecen a atención do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, pola súa disposición e colaboración á hora de tratar a situación epidemiolóxica do municipio.