O Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia, nos próximos días, unha nova convocatoria de 1.070 prazas fixas para persoal de enfermería das institucións sanitarias do organismo. Así se acordou na reunión da mesa sectorial de Sanidade, que estivo presidida pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez. As prazas convocadas son 1.070, acumulando as ofertadas nos anos 2019, 2020 e 2021, sendo posible que se incremente este número coas que resulten da aprobación do decreto de oferta pública de emprego para 2022, que se publicará antes do 1 de xuño, e que conterá prazas tanto da taxa de reposición ordinaria como da taxa adicional de estabilización.
Ademais de incorporar algún axuste no baremo respecto a procesos anteriores, nesta convocatoria, e no actual contexto, reducirase a nota de corte para superar o examen específico da fase de oposición do 50% ao 35%, .
A convocatoria incluirá unha puntuación adicional por servizos prestados durante a pandemia nesta categoría sanitaria, en aplicación do disposto na Lei 4/2021 do 28 de xaneiro de medidas fiscais e administrativas de Galicia, co dobre do valor. Tamén se incluirán medidas recollidas no Primeiro Plan de Igualdade con respecto ás mulleres xestantes con problemas para desprazarse no momento de realizar o exame.
Na convocatoria redúcese a promoción interna dun 50% a un 25% das prazas para dar maior número de prazas ao acceso libre.
Sinalar, así mesmo, que o 60% da puntuación na convocatoria é para a fase de examen e o 40% para méritos de formación, experiencia e outros, como a investigación e publicacións, asi como a puntuación adicional por prestación de servizos en pandemia.
Co propósito de que poida participar o maior número de aspirantes posible, incluíndo as persoas da última promoción de enfermería que rematarán os seus estudos universitarios o vindeiro mes de xuño, o Servizo Galego de Saúde vai fixar a data límite para a inscrición neste proceso no 15 de xullo de 2022.
34