O Goberno galego destina á sanidade este ano 22 millóns de euros máis (16,1 millóns a través da lei de reforzo de actuacións prioritarias) para reforzar, especialmente, o gasto de funcionamento do Sergas en Atención Primaria en actuacións como mellorar a dotación dos centros do primeiro nivel asistencial, a construción, ampliación ou mellora dos mesmos ou o aumento de prazas de persoal, entre outras. A previsión da Xunta é dedicar á sanidade pública, a través desta medida, entre os anos 2019 e 2020 máis de 40 millóns de euros.
Esta inxección económica permite á Consellería de Sanidade dispoñer de recursos financeiros para desenvolver actuacións contempladas no novo Plan Galego de Atención Primaria 2019-2020, recentemente aprobado, e manter o seu compromiso para co primeiro nivel asistencial. Cómpre tamén subliñar que o mantemento adecuado das infraestruturas sanitarias de atención primaria é un dos obxectivos recollidos no plan de necesidades do devandito documento.
O Servizo Galego de Saúde investirá un total de 483.929 euros en obras de reforma e mellora en 27 centros de atención primaria da rede sanitaria pública de Galicia. Este gasto en investimento realízase grazas ao suplemento de crédito do superávit de 2018 autorizado polo Goberno Galego para reforzar a atención primaria.