Desde o ano 2016, no que se puxo en marcha o Plan Galego de atención ao Ictus, o número de códigos activados xa superou a cifra dos 13.800 Así mesmo, en canto ás fibrinolises intravenosas, rexistráronse máis de 2.567, no caso das trombectomías mecánicas realizadas neste lustro, superáronse as 1.567.
Con motivo do Día Mundial do Ictus, que se celebra este 29 de outubro, a consellería de Sanidade lembra da importancia de facer exercicio e manter unha dieta san para reducir as posibilidades de sofrir un accidente cerebrovascular, así como a necesidade de levar un control sobre a tensión, o azucre e o colesterol; ademais de evitar hábitos tóxicos, como o tabaco.
A rede asistencial galega conta con tres Unidades de Ictus emprazadas no Complexos Hospitalarios de Santiago de Compostela, A Coruña e no Hospital Álvaro Cunqueiro. Así mesmo, os hospitais de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Burela e POVISA, contan con senllos Equipos Ictus.
O Ictus é unha enfermidade producida por un trastorno brusco da circulación cerebral que altera o funcionamento dunha ou varias áreas do cerebro. Fundamentalmente existen dous tipos de ictus: o ictus isquémico -o máis frecuente-, prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso, que impide que o sangue chegue a unha ou varias áreas do cerebro. A interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas funcións. Se esta situación se mantén no tempo, pode quedar unha lesión permanente na rexión afectada. O segundo tipo de ictus é o hemorráxico, que se orixina a consecuencia da ruptura dun vaso dentro do cerebro ou nas súas envolturas, causando unha hemorraxia cerebral.