Este xoves o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a elaborar unha guía que homoxeneíce en todas as áreas sanitarias galegas o protocolo de atención aos nacementos por cesárea para permitir o acompañamento no parto da persoa que a nai decida e para posibilitar o contacto pel con pel continuado co bebé. A proposta parlamentaria aprobada parte do Grupo Popular polo que é de entender que a Xunta ten o propósito real de cambiar os protocolos en todas as áreas sanitarias galegas.
Tamara Campos, presidenta da Plataforma Loita, valora a unanimidade dos partidos neste asunto e o triunfo que supón para as nais, familias e persoal sanitario que leva tempo traballando para acadar cambios. “É unha vitoria e unha noticia marabillosa. Que todos os partidos estiveran de acordo é de agradecer. Tardou, pero chega a tempo porque era algo que non tiña que seguir pasando”, explica. “Quero agradecer ás familias e aos sanitarios que levan moitos anos pelexando. E a toda a xente que puxo reclamacións porque puxeron o seu gran de area para acadar os nacementos por cesárea respectados”, indica a presidenta da Plataforma Loita.
O cambio xa fora unha realidade para a área sanitaria de Santiago o pasado mes de setembro. Así, o día 20 de setembro levouse a cabo en Santiago o primeiro parto en Galicia dunha cesárea na que a súa nai estivo acompañada pola súa parella en todo momento. Ademais, nai e filla non foron separadas tras o nacemento, como adoitaba ocorrer nos partos por cesárea.