O Servizo de Atención Temperá da Costa da Morte atendeu a 121 menores

1 minutes read
  • No ámbito de actuación da Terra de Soneira prestouse este servizo a 48 usuarios

O Servizo de Atención Temperá da Costa da Morte (SAT), do que participan un total de dez concellos, atendeu en Camariñas a 22 menores desde setembro do 2020 ata o mes de decembro do pasado ano. Dese total, 16 seguen con atención personalizada mentres que 5 recibiron a alta (por acabar os obxectivos marcados ou idade) e un deles permanece en lista de agarda.

No ámbito de actuación da Terra de Soneira (Camariñas, Vimianzo e Zas) atendéronse 48 menores dun total de 121 usuarios de toda a Costa da Morte, dos cales 43 están actualmente dados de alta.

Este servizo conta cun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos e á súa familia. O obxectivo é dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, facilitando así o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. O equipo que presta estas atencións está formado por un logopeda, unha psicóloga e un terapeuta ocupacional.

O SAT Costa da Morte está formado por Dumbría, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas; localizándose os centros de atención no municipio vimiancés (Av. Finisterre, 12, 1º) e dumbriés (Pedra Maior, 97-15279. Ézaro).