O Servizo de Control de Pragas de Carballo presentará en Arzúa o seu plan de loita contra a velutina

Nido de avispa velutina

O Servizo Municipal de Control de Pragas participará este sábado, 1 de febreiro, no Día do Apicultor, organizado pola Asociación Galega de Apicultores (AGA) en Arzúa para explicar de primeira man o seu plan de loita contra a avespa velutina.

Isidro Rodríguez, responsable da empresa concesionaria do servizo, participará ás 10.30 horas nunha mesa redonda na que tamén intervirán Marcos Rodríguez, director do Museo de Historia Natural da USC, para dar unha visión sobre o control da especie invasora dende o ámbito da investigación; un representante da Xunta de Galicia, que exporá o novo plan de loita autonómico, e José María Bello, de DAGA Morrazo, que dará a coñecer as ferramentas dos/as abelleiros/as.