O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) que ten COGAMI habilitado para atender ás persoas con discapacidade que buscan emprego está situado nas instalacións que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten nas sete cidades galegas. Sen embargo, moitas das persoas que demandan este servizo viven en zonas rurais, por iso, co fin de facerlles unha atención máis doada, durante dous días á semana un profesional desprázase ata estas zonas.
Yolanda Grandal é unha das orientadoras laborais que ten COGAMI nas instalacións de A Coruña e que se despraza ata concellos que forman parte das comarcas de Bergantiños e Soneira. Son arredor de 4.400 quilómetros anuais os que percorre Yolanda Grandal para coñecer as necesidades das persoas usuarias dos concellos que atende. Estes desprazamentos que realiza o servizo de orientación laboral pretenden achegar o servizo ao entorno rural e evitar que sexan as persoas usuarias as que se teñan que desprazar ata as cidades, dadas as dificultades de desprazamento que existen nas zonas rurais, con núcleos de poboación dispersa, falta de transporte público e, no caso de habelo, non é adaptado.
É dende o ano 2005 que o SIL ten operativo este servizo de atención no medio rural dos concellos limítrofes coa cidade de A Coruña. Mediante contacto telefónico ou vía correo electrónico, a orientadora concreta unha cita presencial coa persoa usuaria do servizo de emprego e formación, onde actualizará o seu curriculum, os datos persoais e tamén lle preguntará polas inquedanzas e preferencias para desenvolver un posto de traballo. As persoas que contactan por primeira vez co servizo fano tras ser informadas por persoas coñecidas que xa están inscritas na bolsa de emprego de COGAMI ou tamén porque son informadas da súa existencia a través dos servizos municipais de Orientación Laboral ou de Traballo Social. Existe un contacto fluído con estes servizos da administración local e COGAMI, polo que cada vez que lles pide atención unha persoa con discapacidade, os profesionais destes servizos encárganse de derivalas a COGAMI. Precisamente, moitos dos puntos de atención son nas instalacións municipais que ceden os concellos.
Nas comarcas de Bergantiños e Soneira están apuntadas na bolsa de emprego que manexa COGAMI un total de 614 persoas, repartidas do seguinte xeito:
| concello | homes | mulleres | total |
| Carballo | 181 | 103 | 284 |
| A Laracha | 41 | 21 | 62 |
| Coristanco | 27 | 14 | 41 |
| Malpica | 26 | 11 | 37 |
| Ponteceso | 33 | 10 | 43 |
| Cabana de Bergantiños | 31 | 11 | 42 |
| Vimianzo | 14 | 10 | 24 |
| Zas | 23 | 12 | 35 |
| Laxe | 17 | 11 | 28 |
| Camariñas | 11 | 7 | 18 |
| TOTAL | 404 | 210 | 614 |
Destas persoas integrantes na base de datos, durante o ano 2019, a orientadora laboral Yolanda Grandal realizou un total de 76 orientacións, das que 65 foron realizadas na comarca de Bergantiños e 6 na de Soneira. En canto aos perfís predominantes, resalta Yolanda Grandal, que carecen de formación regrada e, no caso de tela, contan con estudos básicos, sendo moi limitados os coñecementos informáticos a nivel usuario. Moitas das persoas que chegan novas veñen tras obter un certificado de incapacidade laboral para a profesión habitual, co que é necesaria que se sometan a unha reciclaxe para volver entrar no mercado.
Segundo datos que manexa esta área, durante este ano foron 24 as persoas inseridas laboralmente, 23 na comarca de Bergantiños e 1 na de Soneira. Tres destas insercións lográronse tras rematar un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais en Cabana de Bergantiños.