A incorporación da nova técnica, Carme Pereiro, permitirá reactivar programas que xa no seu día fixeron de Carballo un referente na promoción do idioma galego, pero tamén poñer en marcha novas iniciativas. Algunhas delas déronse a coñecer este venres nun acto no que participaron a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, e a alcaldesa en funcións, Milagros Lantes, e que serviu tamén de presentación pública da nova técnica do Servizo.
A propia Carme Pereiro explicou o traballo que se está a levar a cabo dende o departamento. Por unha banda, o Concello de Carballo retomou a participación en iniciativas colaborativas como Youtubeiras e Enreguéifate, ademais de continuar co proxecto Apego. O ano que vén volveremos a colaborar no curso de verán da UDC Traballando en lingua, e ademais estamos tramitando a nosa adhesión á Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, que, como explicou a técnica, “creouse coa intención de promover e dinamizar o uso da lingua galega a través da cooperación entre entidades de ámbito local”.
O Servizo de Normalización Lingüística regresa, como destacou a concelleira Maruxa Suárez, con moita forza e con iniciativas con forza.
Milagros Lantes quixo agradecer o importante traballo realizado polo anterior técnico do Servizo e avogou por seguir facendo de Carballo un concello de referencia con propostas que contribúan a poñer en valor a nosa lingua. Porque, como concluíu Carme Pereiro, “se queremos diferenciarnos neste mundo globalizado non podemos facelo pola roupa, porque as mesmas marcas que venden aquí fano en todo o mundo, pero si polo idioma, porque a nosa lingua é única”.