O Servizo Público de Emprego de Galicia estreará este luns a oficina única


A oficina única no Servizo Público de Emprego de Galicia, facilitará á cidadanía a realización de todos os trámites relacionados coa súa demanda de emprego en calquera das 54 oficinas de emprego repartidas pola comunidade. Galicia estende así, a todos os seus servizos vencellados coa demanda de emprego -non así coas prestacións, por se tratar dunha competencia estatal- a posibilidade de que se poidan realizar en calquera das súas dependencias. Ata o de agora, xa era factible utilizar calquera oficina para modificar as demandas de emprego (ocupación solicitada, teléfono, titulación, etc.) e renovala a través da Internet ou do teléfono 012. Para as persoas usuarias seguirá existindo unha oficina de referencia que se asigna en virtude do código postal de residencia. Seguirá tendo un papel importante aos efectos de prestar servizos de orientación e para a intermediación, xa que vencella á cidadá ou cidadán coa localidade onde reside. Este paso suporá unha mellora para a atención da cidadanía ao dispor dun abano maior de posibilidades á hora de solicitar cita previa e gañará en axilidade á hora de realizar os seus trámites.