- Desenvolverase con actividades en diversas comarcas rurais e rematará cunha manifestación, o 17 de marzo, consistente en rodear a Xunta de Galicia.
Con lema “O rural galego sobre a mesa”, o SLG pretende chamar a atención sobre o feito de que, sen medio rural e sen agricultura non hai alimentación, polo que deber ser unha prioridade por parte das institucións públicas apoialo e defendelo (de aí outro lema da campaña: “Se a aldea non planta, a cidade non xanta”); pero tamén denunciar o feito de que o rural galego está fóra de todas as mesas de negociación onde se deciden as políticas que nos afectan, sexa na Consellaría de Medio Rural, sexa no Ministerio de Agricultura, sexa en Bruxelas. Neste senso, a secretaria xeral do SLG denunciou anomalías como que, en plena negociación da Política Agraria Común (PAC), a Consellaría de Medio Rural non teña convocado ás organizacións agrarias, nin en mesas de traballo nin no Consello Agrario Galego, para debater e acordar que modificacións se deben facer para defender mellor os intereses do agro.