O sistema eCall é un botón de SOS instalado no vehículo que deberemos pulsar en caso de sufrir un accidente. Con todo, cando o condutor non poida facelo manualmente, activaranse uns sensores capaces de detectar cando se produciu un sinistro, e realizarase unha chamada aos servizos de emerxencia en apenas uns segundos.
O que permite que o sistema eCall se active cando se produciu un accidente é precisamente o feito de que estea asociado aos airbags e ao control de estabilidade, os cales tamén, se activan en caso de accidente de maneira automática. O sistema enlazado permite saber cando un vehículo sufriu un accidente.
Isto foi o que deu conta ao 112 Galicia dunha colisión por alcance entre dous vehículos no concello de Barreiros, e que deixou catro persoas feridas a unha da tarde deste mércores. Ademais, con este sistema, tamén se facilita a localización do sinistro, neste caso, no punto quilométrico 27 da estrada N-642.
Con estes datos, os xestores do 112 Galicia informaron, de xeito inmediato, aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Barreiros e a Protección Civil do municipio. Tras chegar ao punto, os Bombeiros confirmaron que había catro persoas feridas. Por último, desde o CIAE 112 Galicia tamén se solicitou a intervención dos servizos de mantemento de estradas co fin de restablecer as condicións de seguridade da vía.