O Sistema Universitario galego incorpora dous novos títulos de grao e catro novos mestrados

1 minutes read

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de rexistrar na aplicación informática do Ministerio de Universidades a proposta de oferta de prazas de novo ingreso en títulos oficiais de grao e máster para as universidades galegas cara o curso académico 2021/2022, unha oferta que foi consensuada coas vicerreitorías de Titulacións das tres universidades galegas en reunións celebradas nas últimas semanas, e que será oficial unha vez que sexa ratificada formalmente nas vindeiras semanas pola Conferencia General de Política Universitaria.

Como principais novidades, o Sistema Universitario de Galicia (SUG) incorporará o vindeiro curso dous novos títulos de grao da rama de Humanidades e catro novos mestrados universitarios. En total ofertaranse 11.550 prazas en titulacións de grao (67 máis ca no actual curso) e 5.162 nas de máster (11 máis ca este ano académico).

Entre outras modificacións, os graos existentes que aumentan a súa oferta son os graos de Enfermaría nas tres universidades (que suman 12 prazas máis na UDC, 2 na USC e 17 na UVigo); e os graos en Enxeñaría Informática con 24 prazas mais na UDC (Campus A Coruña) e 25 máis na UVigo (Campus Ourense).