O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar unha batería de escritos interpelando, por unha banda, ao Comité Científico da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; e, por outra banda, ao Consello Científico de Parques Nacionais, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. De ambos comités, o SLG solicitou informes sobre a afección que terán sobre a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo a planificada instalación dunha liña de alta tensión e seis parques eólicos, cun total de 43 aeroxeneradores que poden alcanzar os 200 metros de altura, cuxos proxectos están agora mesmo en período de alegacións como son o parque eólico de Feás, o de Felga, o de Fontella, o de Gato, o de Seselle ou o de Legre. Ademais da liña de alta tensión Monteagudo-Morás: Promovida por Eólicos Breogán SL consiste nunha instalación de distribución eléctrica por vía aérea e subterránea de 66 kilovoltios (kV) que transcorrerá polos concellos de Carballo, A Laracha e Arteixo. Dende o SLG cren que o alto grado de protección do que goza un territorio catalogado como “Reserva da Biosfera” é totalmente incompatible con este tipo de instalacións, tremendamente agresivas co medio ambiente, polo que as autoridades competentes non poden permitir, baixo ningún concepto, a execución destes proxectos.
22