O SLG denuncia os prezos especulativos do gasóleo agrícola en Galicia e pide a intervención urxente da Xunta

3 minutes read

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) pide a intervención urxente do presidente da Xunta pola especulación nos prezos do gasóleo agrícola e en xeral do combustíbel en Galicia. As persoas agricultoras que chamaron onte para encargar o gasóleo agrícola encontráronse con enormes diferenzas, que cambiaban de hora en hora ou de lugar a lugar.

Este martes a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras do Estado Español (COAG), da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, denunciaba unha suba dende os 0,85 euros/litro ata 1,20 euros/litro en 7 días, un 41%. Se o consumo do Estado español cada ano está en 2.000 millóns de litros de gasóleo agrícola, esa suba de 35 céntimos suporía 700 millóns de euros ao ano.

As subas

A sorpresa íase producindo ao longo do día conforme a xente gandeira e agricultora galega contactaba coas respectivas gasolineiras e a esixencia de prezos que ían recibindo podían ir de 1,47 euros litros, 1,53 céntimos litro, 1,58 euros litro e ata 1,62 euros litro. Se tomamos esta última referencia de prezo, a suba en pouco máis dunha semana foi de 0,77, e suporía no consumo total anual unha suba de 1.540 millóns de euros. A suba do gasóleo agrícola en Galiza esta a ser máis do dobre da suba noutras partes do Estado. Esta mesma fin de semana saía o dato de que as catro provincias galegas están entre as 20 máis caras de todo o estado no prezo do combustíbel.

As subas realizadas até este momento responden a unha “anticipación especulativa” por parte dos “distribuidores”, realizando esas subas sobre stocks comprados a baixo prezo que xa teñen nos almacéns; o cal é realmente preocupante non só polo impacto actual senón polo que pode acontecer nas próximas semanas e meses.

Fertilizantes

Os fertilizantes son outro elemento fundamental nos custos de produción para as persoas agricultoras e gandeiras, e que de xeito totalmente inxustificado tamén están a experimentar unha suba especulativa. Segundo os datos de comercio exterior, as importacións de fertilizantes nitroxenados proceden esencialmente de Marrocos, Arxelia, Exipto e Rusia e ningún destas orixes dependen do Estreito de Ormuz, e do conflito en curso. Malia a todo, os prezos dos fertilizantes están incrementándose tamén día a día, polo efecto da suba, por exemplo, do 20% da urea e do 45% do prezo do gas. Estamos falando da ameaza para as persoas agricultoras e gandeiras, pero ao final do custo da alimentación, do transporte e da posibilidade de que as persoas consumidoras e os sectores poidamos afrontar este momento histórico no que non podemos deixar de condenar esta guerra imperialista iniciada polos Estados Unidos, contraria a toda a legalidade internacional, e as súas graves repercusións.

Solicitan a actuación urxente do presidente da Xunta

Nun momento de crise excepcional coma esta precísanse a actuación urxente de organismos como a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, e grupos de traballo do Estado e das comunidades con medidas eficaces e excepcionais, que no caso de Galiza deben ser lideradas pola Xunta de Galicia e o seu presidente. Neste momento temos noticia de que hai fondos financeiros e capital especulativo comprando contratos de futuros para obter ganancias millonarias. Hai que lembra que os carburantes e fertilizantes que se están a distribuír neste momento chegaron ao estado español con contratos previos á guerra de Irán. Por unha banda, o Estado español importa entre o 75% e o 83% do seu cru sen pasar polo Estreito de Ormuz e por outra estímase que o impacto nas compras reais se produzan a partir dos 60 ou 120 días a partir do conflito.