O SLG pide que Galicia non siga a ser a gran discriminada do Estado na nova Política Agraria Común

2 minutes read

O ministro de Agricultura, Luís Planas, mantivo este venres un encontro con representantes do agro galego entre os que se atopaba a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane. A reunión tivo lugar no Palacio de Congresos de Santiago e a ela acudiron, entre outras persoas, o conselleiro de Medio Rural, José González; o director xeral de Producións e Mercados Agrarios, Fernado Miranda; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e representantes doutras organizacións e cooperativas agrarias.

Un dos temas centrais da xuntanza foi o deseño da nova Política Agraria Común (PAC), que se atopa agora nun intre excepcional das negociacións, coa elaboración do Plan Estratéxico da PAC por parte do Ministerio de Agricultura, que será o que marque a política agraria do Estado e a distribución das axudas comunitarias destinadas ao agro até 2027. Respecto disto, a secretaria xeral do SLG denunciou diante de Planas que os criterios de reparto actuais, en base ao número de hectáreas xestionadas polos perceptores, fan de Galicia a gran discriminada do Estado. De feito, é a única comunidade na que hai máis cotizantes á Seguridade Social Agraria que perceptores da PAC; no resto do Estado acontece xusto o contrario (en España hai 600.000 perceptores da PAC que non son agricultores). Tamén son os labregos e as labregas galegos os que menos axudas da PAC cobran, sendo a media galega de 2.590 € fronte aos case 4.000 € da media estatal.

Para poñer fin a esta inxustiza, Isabel Vilalba defendeu a necesidade de que muden os criterios de reparto, dando prioridade a outros de maior impacto social como o número de postos de traballo xerados por cada hectárea agraria. Precisamente, na actual situación de crise en diversos sectores agrogandeiros provocada pola Covid-19, faise máis necesario que nunca redistribuir dunha maneira máis xusta e igualitaria os cartos da PAC e atendendo sempre a criterios sociais.

Neste senso, a secretaria xeral do SLG reclamou que se baixe o tope por axuda: fronte aos 100.000 € como máximo que propón o Ministerio de Agricultura, dende o SLG defendemos baixar moito máis ese tope, de maneira que os cartos da Política Agraria Común teñan unha distribución máis xusta e beneficien realmente aos e ás profesionais da agricultura, incluíndo importantes sectores que ficaron até agora fóra destas subvencións en Galicia, como o vitícola ou o hortícola.