Francisco Pérez Caamaño converteuse este luns no novo alcalde do municipio de Noia despois de que prosperase a moción de censura presentada contra Santiago Freire (PP), quen levaba á fronte do concello desde o ano 2016. Freire gobernaba en coalición coa formación Noieses Independentes Agrupados (NOIA), aínda que perdera a maioría plenaria despois da saída do grupo popular do edil Luis Alamancos, cuxo voto facilitou a presentación desta moción. Deste xeito, PSOE, Marea Cidadá de Noia, BNG e o concelleiro non adscrito sumaron as súas forzas para depoñer un Executivo local ao que acusaron, no escrito desta moción, de falta de transparencia na contratación, de deficiencias na xestión das infraestruturas e servizos públicos e, en definitiva, de gobernar «de costas» á cidadanía. O pleno extraordinario convocado para a tramitación desta moción de censura transcorreu con normalidade e sen incidencias. O novo rexedor noiés pediulle «coherencia» ao alcalde saínte e reprochoulle que condene o emprego de mocións de censura cando el mesmo accedeu ao cargo nun inicio mediante esa fórmula e cando o propio presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, as avalou.