O sorteo do Euromillóns deixa case cinco millóns de euros en Vigo


O sorteo do Euromillóns celebrado este pasado venres pola noite deixou un premio de máis de catro millóns seiscentos mil euros en Vigo. Trátase dun boleto acertante de segunda categoría (cinco números máis unha estrela) que resultou agraciado con 4.608.445 euros de premio selado na administración número 2 de Vigo, situada na rúa López Mora 85.

A combinación gañadora do sorteo corresponde aos números 21, 26, 31, 34 e 49, coas estrelas 2 e 5. O único acertante do boleto de primeira categoría (5+2) percibirá un premio de 220 millóns de euros e o boleto está validado en Francia.

De segunda categoría houbo sete acertantes, dous deles en España: o de Vigo e outro validado na canle oficial de Internet de Lotarías e Apostas do Estado, polo que se descoñece a que provincia pertence o afortunado.