O espazo de Galicia en Fitur foi recoñecido pola Feira como Mellor Expositor das Comunidades Autónomas, un premio que o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recolleu e co que se recoñecía un esforzo por presentar unha Galicia como destino aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo e co Camiño de Santiago como eixo central.
O stand de Galicia, que ocupa un espazo de máis de 1.000 metros, ofreceu un deseño moderno e de cores vistosas co obxectivo de simbolizar a esperanza e a ilusión coa que Galicia afronta o segundo ano do Xacobeo.
O espazo expositivo contou de novo coa presenza do botafumeiro de prata en tamaño real realizado por ourives hai máis de 60 anos co que, ao igual que en 2021, foi un dos principais atractivos no que se puideron fotografarse os asistentes estes días. Nesta ocasión formou parte dun set que xoga con espellos como símbolo das moitas facianas de Galicia como destino turístico.
Galicia presentou nestes días medio cento de produtos e destinos turísticos e unha vintena de catas nunha ducia de espazos expositivos e informativos. Tamén houbo mostras de produtos enograstronómicos galegos de calidade coa participación de profesionais e de persoal de Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), así como espazos para a exhibición de artesanía en vivo, co apoio de medios audiovisuais e da campaña Camiña a Galicia.
