O Supremo anula o xuízo que condenou a Lito por fraude a Facenda


O Tribunal Supremo estimou un recurso de casación presentado por Anxo Martínez Pérez, Lito, quen chegou a representar a unhas 80 orquestras, entre as que estaban algunhas das máis cotizadas de Galicia, como Panorama ou París de Noia. O rei das orquestras foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra a 12 anos de prisión por seis delitos contra a Facenda Pública e ao pago de multas por máis de 36 millóns de euros.

Aquela sentenza acaba de ser anulada polo Supremo, ao atender un recurso presentado pola defensa de Lito. O tribunal entende que se produciu unha “situación de indefensión” e ordena a celebración dunha nova vista.

Erros de forma

Os condenados denunciaron que non se citou ao representante da sociedade limitada especialmente designado na causa e que, no seu nome, compareceu outro acusado. Segundo explicou o recorrente, o representante foi designado pero o xulgado de instrución rexeitouno por posible conflito de intereses, de modo que se nomeou a outra persoa.

Ordena repetir a vista

“A efectos de evitar calquera asomo de indefensión, a anulación da sentenza e do xuízo oral esténdese a ambos os acusados”, conclúe o TS, que ordena a celebración dunha nova vista, na que sexa “citado correctamente” o representante de Representacións Lito SL, e facilitando a posibilidade de que letrado e procurador sexan distintos dos de Anxo Martínez Pérez.

Con esta sentenza, o Tribunal Supremo ordena retrotraer as actuacións ao momento en que sinalou o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra.