O Supremo autoriza exhumar os restos de Franco para enterralos no Pardo

O Tribunal Supremo acordou este martes avalar o plan do Goberno de Pedro Sánchez de exhumar os restos do ditador Francisco Franco para trasladalos ao cemiterio do Pardo-Mingorrubio, en contra do desexo da familia, que quería facelo na cripta da catedral da Almudena.

Fontes xurídicas avanzaron a decisión da Sección Cuarta da Sala do Contencioso Administrativo que, por unanimidade e despois de só unha hora de deliberación, desestimou na súa totalidade o recurso dos netos do ditador contra o acordo do Consello de Ministros do 15 de marzo que fixaba para o 10 de xuño a exhumación. O contido da sentenza darase a coñecer nos próximos días.

Ao rexeitar o recurso dos netos do ditador, que só aceptaban reinhumar os restos de Franco na cripta da catedral da Almudena, o Supremo apoia así o Executivo, que acordou volver enterrar os restos no cemiterio do Pardo-Mingorrubio, ao aducir cuestións de seguridade.

Pola súa banda, os Franco nunca deron outra alternativa á cripta da catedral madrileña, onde a súa filla, Carmen Franco, comprou en 1987 unha sepultura a perpetuidade con espazo para varios corpos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha