O Supremo avala A Coruña como sede da Axencia de Intelixencia Artificial

2 minutes read

O Tribunal Supremo fixo pública este luns unha sentenza coa que desestima un recurso interposto polo Concello de Granada contra a decisión de hai un ano do Consello de Ministros de establecer na Coruña a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Fronte ás alegacións da cidade andaluza de que a decisión non estivera suficiente e correctamente motivada, o alto tribunal considera que a decisión era unha cuestión “discrecional” do Goberno de España e que contou coa motivación necesaria.

A Coruña fíxose hai un ano coa sede da axencia en disputa con Granada e Alacante. O despoboamento galego, as comunicacións da cidade ou o inmoble ofrecido foron algunhas das características da candidatura coruñesa valoradas primeiro por un comité técnico e despois polo Consello de Ministros. Porén, Granada recorreu á xustiza argumentando que a decisión non estivera motivada.

O que di agora a sentenza do Supremo é que a decisión do Goberno de España estivo correctamente tomada. “Estamos ante un acto discrecional motivado do Consello de Ministros que pode seguir ou non a recomendación efectuada” pola comisión técnica, di a sentenza. Canto a esa recomendación, o Supremo di que “o feito de que no informe de valoración das candidaturas da Comisión figure unha determinada orde con Granada en primeiro lugar non supón efecto algún para a recomendación da cidade da Coruña que realiza a Comisión ao Consello de Ministros”.

“Unha determinada orde nun listado suxeito aos condicionantes anteditos non crea expectativa algunha”, incide o tribunal, que insiste en que o Consello de Ministros “non debe atender á candidatura con maior puntuación senón a unha das candidaturas ‘de excelencia’, iso si explicitando as razóns da decisión mediante a correspondente motivación aquí existente”.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?