O tanatorio de Zas será un edificio pioneiro


O Concello de Zas construirá o tanatorio municipal sen a necesidade de recorrer a ningún tipo de subvención. Se os traballos continúan como até o de agora, a empresa encargada da execución, prevé ter rematadas as obras a principios do próximo verán. As persoas que se acheguen estes días ata a zona xa se poden facer unha idea de como será o novo edificio xa que os seus cimentos, tal e como se aprecia na imaxe, están practicamente feitos.

Estado actual das obras.


Será un edificio pioneiro na comarca co que se dá luz verde a unha reiterada demanda veciñal. Terá unha soa planta, con máis de 330 metros cadrados útiles nos que se distribuirán dúas salas de velación completamente equipadas. En canto á xestión, o goberno municipal aprobou no Pleno do pasado mes de setembro o inicio do proceso de municipalización do servizo para que a actividade poida ser competencia do propio Concello de Zas.

Maqueta da fachada do tanatorio de Zas.