O TC declara inconstitucional o primeiro estado de alarma


O Tribunal Constitucional declarou inconstitucional o primeiro estado de alarma decretado polo Goberno español para combater a pandemia, unha decisión que contou coa oposición de cinco dos once maxistrados. Tras varios plenos de deliberación, finalmente o voto da vicepresidenta, Encarnación Roca, foi decisivo para inclinar a balanza a favor dos cinco maxistrados -todos eles do bloque conservador- que estimaron que o paraugas legal para adoptar o confinamento xeral da poboación debía ser o estado de excepción e non o de alarma. Os outros cinco -tres de corte progresista e dous conservador-, por contra, seguiron considerando que o Goberno actuou correctamente optando polo estado de alarma para decretar o confinamento domiciliario. Desta forma, segundo avanzan as fontes consultadas, a maioría do tribunal votou a favor do relatorio do maxistrado Pedro González Trevijano, que decreta a inconstitucionalidade do estado de alarma. Tanto a sentenza como os previsibles votos particulares coñeceranse nos próximos días.