O Teatro Colón acollerá o 18 de xaneiro un concerto homenaxe ao compositor Rogelio Groba


Será a conmemoración do seu 90 aniversario, estará organizado polo concello da Coruña coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Ponteareas e a Fundación Groba, e en que a Orquestra de Cámara Galega repasará algunhas das obras dun repertorio que, no caso do pontevedrés, chega ás 720 composicións, en que se abordan cuestións como a etnografía, a paisaxe e a historia de Galicia. No recital, actuarán tamén a pianista italiana Elisa D’Auria e o clarinetista grego Spyros Kakiolas para interpretaren dúas das súas últimas creacións, “Soatiña”, estreada en Bruxelas en maio de 2019 e “Peculiaridades”, que se tocou por vez primeira no Festival Groba de 2018.

Ademais, as persoas espectadoras desfrutarán doutros temas asinados por autores que sempre o acompañaron como Jean Sibelius e Johan Sebastian Bach nunha noite onde se tributará ao que máis partituras enxeñou neste país ata o momento cun requien, 14 sinfonías, 19 concertos e oito micro-concertos, así como 13 cantatas, 8 suites, 2 ballets, obras para coro, música de cámara, piano só, orquestra de cordas, banda sinfónica… das que moitas non viron a luz aínda. Rogelio Groba foi tamén director da Orquestra Municipal da Coruña durante 23 anos e fundador da Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e da Orquestra de Cámara Municipal e combinou ao mesmo tempo a dirección do Conservatorio e a docencia en Harmonía e Composición. Autor de ensaios e libros, desde 2002 preside a Fundación Rogelio Groba, clasificada de Interese Cultural e de Interese Galego polo Goberno autonómico.

As entradas están á venda na plataforma eventbrite.es por 5 euros máis gastos de xestión e no propio despacho de billetes do auditorio.