O Concello de Brión vén de presentar a programación do Maio Cultural, que inclúe unha decena de actividades culturais gratuítas abertas á veciñanza. Unha programación que o Concello complementa con actividades culturais dirixidas exclusivamente aos distintos centros educativos do municipio para conmemorar as Letras Galegas 2022, dedicadas este ano á figura do galeguista Florencio Delgado Gurriarán.
Unha programación que comezará este sábado 7 de maio coa primeira das tres actuacións de teatro amador programadas grazas a un convenio de colaboración asinado entre o Concello de Brión e a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea). As tres actuacións terán lugar no centro social polivalente, ás 20:00 horas.
Así, este sábado 7 de maio, o grupo Teatro Escoitade (Vigo) presentará “Dominó Celeste ou Que vai ser de ti, Ernesto!”, unha traxicomedia dirixida a maiores de 14 anos. O sábado 14 de maio será a quenda de Farándula Velutina (Corcubión) con “A derradeira bala”, unha comedia para maiores de 7 anos. Finalmente, Disfunción Contiua Teatro (A Estrada) porá en escena “Departamento de selección”, un drama para maiores de 16 anos cos veciños e veciñas de Brión poderán desfrutar o sábado 28 de maio.
O Maio Cultural de Brión tamén incluirá unha actuación de teatro profesional a cargo da compañía Coproducións Condetrespés, que porá sobre o escenario do centro social polivalente a obra “Rastros”, o sábado 21 de maio, ás 20:00 horas. Trátase dunha obra ambientada a finais do século XX na que tres homes lembran os recordos que compartiron cunha muller que agoniza no hospital. Nas catro sesións teatrais a asistencia é de balde, tendo que reservarse as entradas en billeteira.concellodebrion.gal.